16 Feb Programa científico no CRA de Rianxo

O CRA de Rianxo fai unha aposta neste curso escolar polo ámbito científico e organiza unha programación na que mestura diferentes aspectos de cultura científica, produtos do mar e hábitos de vida saudables. Rianxo, 8 de febreiro de 2017. O Centro Rural Agrupado (CRA) de Rianxo ven de pechar unha programación vinculada ao eido científico que desenvolverá ata finais de curso nas diferentes parroquias e con nenas e nenos de infantil e primaria.

O programa conta con tres liñas diferenciadas polo tipo de contidos a abordar:

1.- fomento de hábitos de vida saudables, que será tratado a través dunha actividade de almorzos saudables centrada no consumo de produtos do mar en forma de conservas e será levada a cabo na Aula Activa do Mar en Rianxo

2.- personaxes galegos ilustres no mundo da ciencia que se traballará a través do papel da muller na ciencia e en concreto da figura dunha muller galega no eido da oceanografía e con relevancia mundial (farase unha xornada con todas as escolas no centro en Asados)

3.- o mundo das conservas, liña na que se verá cos cativos todo o proceso que pasan os recursos do mar dende que son capturados ata que os degustamos. Neste caso, as protagonistas serán as conservas que son o produto elixido para o fomento de hábitos de vida saudables e que ademais constitúen un dos sectores empresariais máis potentes da nosa comarca.

Primeira xornada: Almorzos Saudables

O pasado martes día 14 de febreiro en horario de mañá na Aula Activa de Rianxo participaron ata 74 nenas e nenos de infantil do CRA que coñeceron a importancia do consumo de alimentos saudables e en concreto o beneficio que supoñen as conservas na súa dieta.

A programación contou coa colaboración de Conservas Cortizo, que xa participou desta iniciativa en ocasións anteriores e que aportou a totalidade de conservas que foron empregadas para a súa degustación por parte dos escolares.

 

A prensa faise eco da nosa actividade

La Voz de Galicia: www.lavozdegalicia.es

La Voz de Galicia- Edición Barbanza: www.lavozdegalicia.es

Canal Rías Baixas: www.canalriasbaixas.com

TV 27 Barbanza: www.tv27barbanza.com